Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 122 Mércores, 27 de xuño de 2018 Páx. 31106

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda

RESOLUCIÓN do 26 de xuño de 2018, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se acorda a apertura dunha lista para a incorporación de solicitudes para a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia do grupo V, categoría 003 (ordenanza e outras), en prazas reservadas para seren cubertas por persoas que acrediten discapacidade intelectual.

A integración no ámbito do emprego público do colectivo de persoas con discapacidade, e máis concretamente do colectivo de persoas con discapacidade intelectual, ten o dobre obxectivo de dar resposta a unha demanda social a través da creación dun emprego público inclusivo e estable e cumprir o mandato do lexislador, quen, no que respecta á política social en materia de discapacidade, establece como finalidade garantir o dereito á igualdade de oportunidades e trato.

Mediante a Orde do 25 de febreiro de 2016 da Consellería de Facenda (DOG número 45, do 7 de marzo), convocouse un proceso selectivo para o ingreso no grupo V, categoría 003 (ordenanza e outras), de persoal laboral fixo da Xunta de Galicia en prazas reservadas para seren cubertas por persoas que acreditasen discapacidade intelectual.

Ao devandito proceso selectivo, ademais do establecido na correspondente convocatoria, fóronlle de aplicación o disposto no Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público, a Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, o V Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia e o Real decreto 2271/2004, do 3 de decembro, polo que se regula o acceso ao emprego público e a provisión de postos de traballo das persoas con discapacidade.

O número 1.3 da convocatoria, relativo a solicitudes, establecía que xunto coa solicitude as persoas candidatas debían achegar copia compulsada do certificado de discapacidade e ditame técnico facultativo acreditativo de ter recoñecida oficialmente unha discapacidade intelectual en grao igual ou superior ao 33 %.

O número 5, sobre elaboración dunha lista de aspirantes á contratación temporal, dispoñía que a puntuación dos aspirantes que aprobasen o primeiro exercicio pero non superasen o proceso selectivo tería a consideración de mérito para acceder ao desempeño transitorio de postos da mesma categoría profesional.

O nomeamento de persoal funcionario interino para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a funcionarios e a contratación temporal de persoal laboral están regulados polo Decreto 37/2006, do 2 de marzo (DOG número 48, do 9 de marzo), modificado polo Decreto 124/2016, do 8 de setembro (DOG número 178, do 19 de setembro).

Na súa reunión do 26 de xuño de 2018, a Comisión Permanente, como órgano competente para a elaboración e control das listas, acordou elevar ao titular da Dirección Xeral da Función Pública a proposta de apertura dunha lista para a incorporación de solicitudes para a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia do grupo V, categoría 003 (ordenanza e outras), en prazas reservadas para seren cubertas por persoas que acrediten discapacidade intelectual.

En consecuencia, a Dirección Xeral da Función Pública

RESOLVE:

Primeiro. Abrir un prazo de inclusión para a elaboración dunha nova lista para a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia do grupo V, categoría 003 (ordenanza e outras), en prazas reservadas para seren cubertas por persoas que acrediten discapacidade intelectual.

Segundo. En atención ás circunstancias específicas do proceso selectivo referenciado, exceptúase o disposto no segundo parágrafo do artigo 9.a) do Decreto 37/2006 e elabórase unha lista propia para a provisión temporal de postos de traballo na cal se poderán anotarse todas aquelas persoas inscritas e admitidas no proceso selectivo convocado pola Orde do 25 de febreiro de 2016 que soliciten a súa inclusión na lista.

Os/as candidatos/as deberán acreditar estar en posesión do Celga 2 ou equivalente debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia, de acordo coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007 pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (DOG número 146, do 30 de xullo).

Terceiro. O prazo para a presentación das solicitudes de inclusión estará aberto desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG ata o 15 de xullo de 2018.

Cuarto. O modelo de solicitude de inscrición está dispoñible no portal web corporativo da Xunta de Galicia, http://funcionpublica.xunta.gal, apartado de <Listas de contratación>.

Quinto. As consultas sobre o estado da lista, información xeral, preguntas frecuentes, normativa vixente, etc. poderanse efectuar no portal web corporativo da Xunta de Galicia, http://funcionpublica.xunta.gal, epígrafe de <Listas de contratación>, ou a través do teléfono 012 (para chamadas realizadas desde a Comunidade Autónoma de Galicia) do Servizo de Atención e Información á Cidadanía.

Sexto. Contra esta resolución, de conformidade co previsto no artigo 112 e seguintes da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, pódese interpoñer recurso de alzada, ante o conselleiro de Facenda, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de xuño de 2018

José María Barreiro Díaz
Director xeral da Función Pública